Friday 17 de May de 2024

Unha visita ao Museo Picasso pechou o primeiro módulo da Universidade Sénior en Carballo


Un total de 68 persoas maiores de cincuenta anos participan na primeira edición do Programa de democratización do coñecemento da UDC

Cunha visita ao Museo Picasso rematou o primeiro módulo da Universidade Sénior en Carballo, na que finalmente están matriculadas 68 persoas. Acompañadas polo profesor José Ramón Soraluce, que previamente impartiu unha sesión teórica sobre o autor do Guernica, a maior parte do alumnado participou na excursión á Coruña.

Dado o seu elevado número de participantes foi preciso facer dous grupos para a visita á Casa-Museo de Pablo Picasso, na que dous guías da propia entidade e o profesor Soraluce realizaron as explicacións oportunas. A xornada continuou con outra visita guiada ao IES Eusebio da Guarda e unha ruta guiada desde a rúa Real ata a praza de María Pita.

Con esta actividade concluíu o módulo de arte e patrimonio, no que, ademais de coñecer máis polo miúdo a figura e a obra de Pablo Picasso e a súa relación coa cidade da Coruña, o alumnado asistiu a unha primeira clase con Alberto Sucasas Peón sobre Unha filosofía da amizade: Michel de Montaigne, e con Juan de Dios Ruano aprendeu dun xeito moi ameno sobre os Divertimentos amorosos nos cartóns de Goya.

O Programa de democratización do coñecemento da UDC continuará a partir da semana que vén co módulo de ciencia e tecnoloxía, que traerá á gran aula do auditorio do Fórum Carballo aos profesores Juan José Galán Díaz, o martes 7, para falar sobre a importancia da ciencia e a tecnoloxía ao longo da historia e na sociedade actual; Javier Cremades Ugarte, o xoves 9, cunha sesión teórica sobre Xeobotánica, a ciencia que nos fai entender e valorar o noso entorno, e María Cristina Naya Riveiro, o martes 14, coa clase Matemáticas, existen en todas partes? Unha saída de campo con Javier Cremades, o mércores 15, pechará este segundo módulo. O terceiro, a continuación, versará sobre saúde e benestar.

O programa, que é gratuíto para as persoas participantes, consta de tres módulos con diferentes temáticas, con sesións teóricas, que se celebran de 17.00 a 19.00 horas no Fórum, e sesións prácticas, todas elas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. A Universidade Sénior é un proxecto de formación universitaria específico para maiores de cincuenta anos, e neste caso conta co financiamento da propia UDC, da Xunta de Galicia e do Concello de Carballo.